| |
Dende o primeiro momento tivemos claro que a alternativa pasaba por producir do xeito que nós chamamos das TRES ESES: ALIMENTOS SANS, SABOROSOS E SOSTIBEIS, é dicir, segundo as normas e técnicas da agricultura ecolóxica.
Primeiro inscribimos un terreo para producirmos horta, que seguimos cultivando para o consumo na casa, e logo empezamos a plantación dunha viña, da que hoxe hai uns 4000 m2, e que está empezando a producir.
A zona de Betanzos foi tradicionalmente productora vinícola, (atopámonos no límite septentrional para a produción), ainda que a sua situación nos últimos tempos estaba algo deteriorada. Até que algunhas persoas nos empezamos a interesar por recuperar vellas castes de vides autóctonas que pensamos poden ter un gran futuro, e en aplicar tecnoloxia na elaboración.
Co desexo de elaborar o noso propio viño, en 2003 decidimos construir unha pequena adega e, aproveitar a infraestrutura para elaborar outras cousas que xa viñamos facendo de xeito caseiro, coma marmeladas. Esta iniciativa non se materializou até 2005; hoxe contamos con 200 m2 de superficie dedicados a adega para a elaboración de viño e a obradoiro onde elaboramos conservas vexetais.
É aquí onde Casa Pousadoira se converte en Daldea Pousadoira, a nosa marca de produción e venda. E como unha cousa leva a outra, o proxecto completábase cunha tenda onde vender os nosos e outros produtos, sempre co denominador común da calidade.
|
| |
| |
|
|