| |
Moitas persoas de fóra de Galiza non coñecen o noso medio rural e moitas veces fican sorprendidas das súas peculiaridades. O medio rural galego caracterízase pola gran dispersión da poboación, que se asenta en pequenos núcleos, as aldeas, as cales se agrupan conformando parroquias, termo que trascende o relixioso e conecta co sentido de tribo. A parroquia é un territorio, e ás veces coincide cun lugar concreto e outras non; Callobre é un territorio formado por unha serie de aldeas.
Pousadoira é a aldea na que está a nosa casa. O nome significa “lugar apropiado para o descanso” e penso que segue sendo moi acaído, pois este é o aspecto que máis soen aprezar os nosos hóspedes. A tranquilidade é o máis valioso que temos, pois estando moi perto de cidades coma A Coruña (30 km) e de vias de comunicación importantes (autopista a 8 km), atopámonos nunha pequena aldea no medio do campo, nun entorno agrícola e forestal pouco transitado pola circulación.
En Pousadoira hai arredor de 10 casas habitadas cuns 25 habitantes, pero nun radio de 1 km podemos atopar outras moitas aldeas similares, coma Vigo, A Graña, Cachufeira, etc. A 500 m da casa temos un restaurante, e a 3 km, en Feira do Tres unha cantina e mesón, con restaurante tamén, ademais de farmacia, bar, prensa, panaderia...
Miño queda a 8 km. É un pobo duns 2000 habitantes, que no verán poden chegar a duplicarse e ten todos os servizos: gasolineira, bancos, restaurantes, pubs, farmacias, centro médico etc. Miño é coñecido pola sua extraordinaria praia, un areal de quiilómetro e medio de longo, con bandeira azul da UE, posto de socorrismo, duchas e servizos.
No entorno máis próximo da casa pódense dar paseos na natureza, admirar a paisaxe e algunha mostra do noso patrimonio. A 1 km está o rio Lambre.
A 15 km están vilas coma Betanzos, Sada ou Pontedeume, e o parque natural Fragas do Eume. A 30 km as cidades da Coruña e Ferrol.
Pero ademais dende a nosa casa poden facerse excursións á Costa da Morte, cara ao norte podese chegar comodamente a cabo Ortegal, pasando por Cedeira, San Andrés de Teixido, e a serra da Capelada. A Santiago e Lugo chégase nunha hora (60 e 80 km).
|
| |
| |
|
|